O tempo detense cando un político coloca unha primeira pedra. E non o escribo pola era Fraga, caracterizada por que se inauguraban máis primeiras pedras que obras terminadas. Ocorre así en todos os casos. No solemne acto, o prócer de quenda coloca nunha urna, chamada «cápsula do tempo», unhas moedas de curso legal, os planos do proxecto e algúns xornais do día. Dalgunha forma, cren que, en futuras escavacións arqueolóxicas, alguén atopará o sarcófago e poderá datar os restos.
O tempo queda, xa que logo, detido en cada acto de inauguración solemne dunhas obras. E así debería ocorrer, tamén, co novo recheo de Areal.
Porque, nas últimas semanas, estanse colocando alí non unha, senón millóns de primeiras pedras, todas procedentes das escavacións do AVE. A grava miúda que trituran a Lebre e a Miñoca, horadando a roca viva, vai parar en camións ao porto de Vigo, onde se deposita sobre o mar, en singular vertedoiro.
Remolque a remolque, a obra vai tomando corpo. E xa se observa un bo recheo. Por desgraza, as autoridades portuarias non quixeron, neste caso, acudir á cerimonia de inicio dos traballos. O que resulta raro nunha administración tan proclive a cultivar a fotogenia.
É por iso que nos vemos obrigados a sacar nós a foto destas «primeiras pedras». Se son vostedes tan amables, non esquezan, por favor, esta semana. Recorden que foi en decembro do 2009 cando viron a imaxe dos camións botando terra sobre o mar en Areal. Non o esquezan. Porque é importante.
Recorden, así mesmo, como a presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro, manifestou en rolda de prensa que esta actuación é absolutamente legal. Aínda que recoñeceu que o recheo, que ía ser todo sobre pilotes, agora resulta ser a medias. A primeira metade é terra, lodos e grava miúda. E, a segunda, pontones.
Isto último, por certo, non se nos dixo previamente. Xamais se escoitou que 25.000 metros cadrados fosen recheo puro e duro. Pero o pasaremos por alto. A estas alturas, xa nin pedimos que se nos diga toda a verdade sobre as cousas. É aspirar a demasiado, dada a forma en que somos gobernados.
O importante é, insisto, recordar a foto, o día, a imaxe, as declaracións que emanan da Autoridade Portuaria: isto que estamos vendo é «totalmente legal». Agora, recorten esta páxina e gárdena nun caixón. Coma se fose a «cápsula do tempo» da primeira pedra. E xa me dirán se, en menos dun par de anos, non resulta que o que se está facendo en Areal é ilegal. Veremos se se pode facer sen ter aprobado o Plan de Usos do Porto. E vexamos, tamén, se é posible botar grava miúda e lodo sobre a ría sen un estudo de impacto ambiental. Pero estas obxeccións son bobadas. Logo derrúbase o feito, como en Finca do Conde, pagamos todos e xa está.
eduardorolland@hotmail.com

Deixa unha resposta