Os veciños xa coñecen o proxecto para as fachadas do Berbés
O concelleiro de Patrimonio Histórico celebrou esta semana unha xuntanza cos donos das vivendas para explicarlles o plan 
A Concellería de Patrimonio Histórico puxo en marcha un proxecto para rehabilitar as fachadas do Berbés e devolver ao barrio o seu antigo esplendor.O concelleiro de Patrimonio Histórico, Dosio Álvarez, reuniuse esta mesma semana cos vecinos do barrio do Berbés para explicarlles en que consiste o plan de rehabilitación das fachadas posto en marcha pola Tenencia de Alcaldía. Esta iniciativa, presentada no pasado mes de marzo polo tenente de alcalde, o nacionalista Santi Domínguez, ideouse co obxectivo de recuperar a fachada marítima das vivendas do Berbés e inclúe actuacións nun total de 48 inmobles e conta cun orzamento de 110.000 euros en axudas aos propietarios, que deberán agora decidir si se suman ao proxecto e asumen a rehabilitacón das vivendas. Estas axudas son compatibles con calquera subvención que teña por obxectivo a rehabilitación de edificios no Casco Vello como as que convoca a Oficina de Rehabilitación do Concello ou o Consorcio, dependente da Xunta de Galicia e, ademais, tampouco existe un límite de prazo para solicitalas, aínda que dende a Tenencia de Alcaldía se espera que os donos das vivendas se decidan nas próximas semanas para que as actuacións podan estar rematadas antes de final de ano. Trátase da primeira vez que se fai un proxecto deste tipo, exclusivo para una zona que, nesta ocasión, trátase dun dos referentes da cidade de Vigo e que está catalogada como Ben de Interese Cultural. Este proxecto, asimesmo, está incluido no Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello.
48 edificios do Berbés
Así, no tocante aos edificios aos que vai destinado, abrangue todos os que dan á fachada marítima como son o número 69 de Teófilo Llorente, os números 47, 49, 50, 51, 52, 53 e 54 da rúa Real, do 1 ao 47 na Ribeira do Berbés e os números imparesdo 17 ao 57 da rúa San
Francisco. En total, son 48 inmobles que ocupan unha superficie de actuación aproximada de 6.360 metros cadrados e o custe do programa é de 1,2 millóns de euros. Quedan fóra do plan os inmobles que carecen de fachadas comoos números 11, 13 e 15 porque está en tramitación a súa reconstrucción por iniciativa privada e os números 29-31, que ten que ser reconstruído na súa totalidade. En todos estes casos, se finalmente sae adiante o proxecto de rehabilitación das fachadas, a Tenencia de Alcaldía proporá a colocación dunha lona ata que se inicie o proceso de reconstrucción destes edificios. No que respecta ás actuacións contempladas no estudo, o tenente de alcalde manifestou durante a presentación do proxecto que fundamentalmente tratarán de manter as fachadas e cubertas en axeitadas condicións estruturais e de ornato. Para iso, seguen criterios estéticos para homoxeneizar a imaxe e recuperar o ambiente e tipoloxía tradicional da ribeira nun barrio emblemático da cidade. Ademais, se inclúe tamén a limpeza de fachadas e tellados, a eliminación de elementos que non son acordes co contorno, así como a substitución de carpinterías de aluminio ou metálicas por outras de madeira, a eliminación de peches metálicas e peches de plástico, tendedeiros, antenas e cartelerías. As fichas de cada edificio recollen propostas de actuación que oscilan entre os 4.510 e os 77.362 euros e as subvencións para os propietarios están baremadas en proporción ao custe de cada unha delas.

Deixa unha resposta