Aplauden o veto aplicado na zona antiga pero alertan dun desprazamento masivo cara ao paseo e a rúa Chao
Os veciños da zona histórica urxen a prohibición do "botellón" no paseo das Avenidas e na rúa Chao. A Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello elevou esta demanda á Concellaría de Seguridade para que aplique tamén a nova normativa de convivencia cidadá nestes dous puntos da cidade, cara aos que aseguran se desprazaron centenares de mozos tras o veto deste conflitivo fenómeno social noutras rúas da cidade como Joaquín Loriga ou no Berbés.
Os veciños aplauden a extensión da prohibición aplicada o fin de semana pasado nas rúas Teófilo Llorente e Real, e na praza da Pedra, pero advirten que a declaración de "zona protexida" debe estenderse tamén agora ás Avenidas e a rúa Chao.
"Para solucionar esta previsible situación, que crea novos lugares afectados polo ´botellón´ e os seus efectos, solicitamos e esperamos que desde o Concello incorporen estes lugares á normativa e poder ofrecer así a mesma solución aos veciños que se atopan agora mesmo afectados polas incomodidades que teñen que sufrir ao chegar o fin de semana", explican desde a asociación de veciños Casco Vello.
A pesar de que os residentes no Casco Vello acolleron cos brazos abertos a prohibición deste fenómeno en varias rúas da zona antiga, os veciños asumen que "ir incorporando novas zonas á normativa non é a solución definitiva". No entanto, os responsables veciñais admiten que polo momento "é a única alternativa que dá unha posibilidade de recuperar a vida normal en lugares que levan anos sufrindo esta situación".
O seu presidente, Henrique Macías, solicitou xa ao goberno local que valore a situación actual do problema e que realice un seguimento da posta en marcha da nova normativa de convivencia cidadá. Así mesmo, solicitou xa á Concellaría de Medio Ambiente que convoque nos próximos días a Comisión Municipal contra o Ruído para analizar os novos problemas que xurdiron e que se poida pór fin a estas zonas de "botellón" cara a onde se están desprazando os mozos.
"Ir desprazando aos mozos que utilizan o ´botellón´ como reunión social non pode ser considerada unha situación definitiva, pero tampouco cremos na criminalización da mocidade e as súas reunións", sentencian os responsables da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello.

Deixa unha resposta