Arrincará onde conclúe o subterráneo actual sen que os vehículos teñan que saír á superficie

Un túnel máis longo que o proxectado polo bipartito para evitar que o tráfico normal de vehículos por Beiramar teña que saír á superficie na zona do Berbés. É o deseño polo que se decidiron tanto a Consellería de Infraestruturas como a Autoridade Portuaria. Esta solución suporá unha reforma case total do anteproxecto que presentou a anterior conselleira, a socialista María José Caride, pouco antes das eleccións autonómicas do 1 de marzo.

O anteproxecto inicial nacía do paso subterráneo baixo a rotonda de acceso ao porto pesqueiro e concluía á altura das portas principais das naves dos estaleiros de Barreras. Co cambio que agora se expón a ampliación do túnel será unha continuación do actual, á mesma cota, sen que os vehículos teñan que saír a superficie. A súa finalización estaría á altura da rotonda da rúa Coruña, antes dos accesos de Barreiras, para non afectar á produción do estaleiro. Este último extremo fora decidido xa fai meses pola consellería que dirixe Agustín Hernández, que estimaba así unha das alegacións presentadas polo entón presidente do Porto, o socialista Xesús Paz.
Losada e Galego manifestaron ao termo da reunión no Parlamento de Galicia que “esta decisión do grupo do PP pon de manifesto o escaso recoñecemento que ten Corina Porro nas filas do seu propio partido”, á vez que cualificaron de “absoluta incapacidade” a xestión da presidenta á fronte do Porto

 

A novidade é o lugar de arranque da nova infraestrutura, que suporá case trescentos máis de lonxitude con respecto ao anteproxecto inicial. Desta forma, ao non deixar saír por superficie o tráfico normal da avenida só quedará fronte á praza do Berbés un viario para os transportes especiais do Porto, de acordo coas novas indicacións que xurdiron da Autoridade Portuaria tras aceptar as peticións dos propios usuarios, que demandaban manter a circulación en superficie pola avenida para non colapsar os transportes especiais e os das mercancías cara ao recinto pesqueiro e ás industrias de Beiramar.

Por iso é polo que o proxecto incorpore a reforma en superficie de beirarrúas, así como a súa ampliación, pero deixe suficiente calzada libre como para que os citados transportes non se vexan prexudicados.
O novo túnel terá, ademais, conexións directas de entrada e saída co acceso principal do porto pesqueiro, a fin de mellorar a loxística do recinto.
O deseño definitivo aínda non está listo, aínda que técnicos da Consellería de Infraestruturas xa estarían traballando no mesmo para a súa presentación na cidade e sometelo ao consenso dos usuarios e do Concello.
A Autoridade Portuaria e o departamento de Hernández xa chegarían a un acordo sobre os cambios a introducir no anteproxecto. Precisamente, o titular do departamento e a presidenta do Porto, Corina Porro, mantiveron onte, á primeira hora da tarde, unha reunión en Santiago na que, entre outros aspectos relacionados co recinto portuario vigués analizarían os pormenores dos cambios a introducir na ampliación do túnel de Beiramar.

Rexeitamento

Mentres, os socialistas Abel Losada e Manel Galego, denunciaron onte que o PP rexeitou, na comisión parlamentaria de Orzamentos, a asignación dunha partida dun millón de euros ao proxecto de ampliación do túnel . A Xunta xa anunciara que non faría consignación algunha para a obra mentres non estivese aprobado o anteproxecto e estimado o seu custo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *