A Oficina de Rehabilitación rexistrou dende 2007 un total de 151 proxectos de propietarios para reformar as súas casas no barrio antigo. Dende que comezou a rehabilitación do barrio, as peticións aumentaron considerablemente 
Un total de 151 vivendas do Casco Vello foron reformadas nos últimos tres anos con axudas da Oficina de Rehabilitación. En total, as obras supuxeron oito millóns de euros.A rehabilitación do Casco Vello que puxo en marcha o Concello trala chegada ao poder do bipartito contaxiou tamén aos propietarios das vivendas da zona, que dende o ano 2007 pediron axudas para reformar un total de 151 casas, un número que se incrementa cada ano segundo mellora a imaxe xeral do barrio, inmerso no que os concelleiros nacionalistas deron en chamar a ‘reconquista do Casco Vello’, con obras de mellora en cada unha das rúas e prazas desta zona da cidade. En total, as obras de rehabilitación que xa finalizaron e as que xa foron aprobadas supuxeron un gasto de 8 millóns de euros, dos que 1,2 millóns foron aportados polo Concello e 832.000 euros procederon de subvencións autonómicas. En todo caso, aínda hai pendentes obras do ano pasado, do actual e solicitudes que se presentaron no 2010 e polo tanto non foron cuantificadas. En concreto, nos cinco meses que levamos do presente ano xa se presentaron 33 peticións de subvencións para levar a cabo as reformas de outras tantas vivendas, o que demostra a grande motivación dos propietarios para adecuar as súas casas a pesares dos malos momentos económicos que se están a vivir pola crise.
As axudas, que se xestionaron dende a Oficina de Rehabilitación da Vivenda, foron para a rehabilitación de inmobles situados tanto no barrio antigo da cidade como no casco histórico de Bouzas, aínda que non todos os proxectos presentados implicaron una remodelación total da vivendas. Así, moitas das axudas concedidas dende a Oficina municipal aos propietarios foron para levar a cabo obras puntuais en tellados, fachadas ou escaleiras das casas para instalar ascensores, entre outras actuacións. No caso concreto de Bouzas, dende a posta en marcha do servizo, en 2007, rexistráronse un total de 118 peticións para reformas que supuxeron un gasto de 3,5 millóns de euros. Deles, 588.767 euros foron aportados polo Concello e 367.234 polas axudas que otorga a Xunta.
Mellora da habitabilidade
Segundo as bases das axudas municipais contempladas na ordenanza, as actuacións en vivendas deberán atender prioritariamente á mellora das condicións de habitabilidade relativas a distribución interior, instalacións de auga, electricidade, ventilación, iluminación natural e aireación, illamento térmico, servizos hixiénicos e instalacións de cociña ou doutros servizos de carácter xeral. Non se protexerán obras de acabados cuxa finalidade sexa puramente decorativa.

Deixa unha resposta