O estado ruinoso dunha vivenda de tres plantas da rúa Herrería obrigou onte pola tarde á Policía Local a acordoar o viario de subida ao Concello e pechar a rúa ao tránsito de peóns por motivos de seguridade. Foi unha veciña dunha vivenda próxima a que alertaba do mal estado do inmoble e do risco de desprendementos, motivo polo que se trasladou ao lugar un grupo de axentes que acordoaron a contorna e finalmente cortaron o viario de subida a Praza do Rei desde Porta do Sol.
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, informaba pouco despois de que o inmoble leva dous anos apontoado e estábase intentando localizar aos propietarios para informalos do sucedido e instalos a que adoptasen novas medidas de seguridade.
Trátase do edificio número 43 da rúa Herrería, onde se adoptaron "medidas meramente preventivas", explica o edil nacionalista, pois en principio non se detectou perigo para os viandantes. A estrutura non presenta risco de derrube, pero por precaución valouse a zona e a Policía permaneceu toda a tarde nas inmediacións para informar aos veciños de que se desviasen polas rúas máis próximas.
Ata novo aviso
Os axentes deron aviso a Patrimonio e Urbanismo, cuxos técnicos realizarán mañá pola mañá unha avaliación da vivenda para determinar con exactitude o seu estado e as medidas necesarias para aseguralo. O corte manterase ata que os técnicos dean o visto e prace á rúa, que está sendo reformada. Debido ás obras de humanización o tránsito por esta zona diminuíra, así que desde o goberno local cren que as molestias serán mínimas para os veciños.
Herrería conta con varios edificios en condicións similares ás do bloque 43, aínda que desde Patrimonio confían en operar un lavado de face grazas a varias rehabilitacións que están pendentes nesta mesma rúa en edificios próximos. Mentres tanto, protéxense con lonas para evitar desprendementos e apontóanse chemineas e balcóns.

Deixa unha resposta