-
Xa sei onde poden ir morrer os pobres este inverno: aos chiringuitos de praias. é cuestión de que se hacinen convenientemente. A calor corporal permitiralles sobrevivir algunhas horas máis e, de cando en vez, se teñen fame, pódense comer un Frigopié.
Como o Concello concedeu os chiringuitos en setembro, polo menos terían unha función social. Xa que non venderon unha gasosa durante o verán, agora salvarían a vida de moitas persoas, á vez que se daría saída ás existencias. Unha bolsa de chaskis pode confortar a un pobre desgraciado, mentres perece de gripe A, B ou C, tiritando cos efluvios do viño en tetrabrick.
Abel Caballero debería pensalo. ¿Por que non propón isto? ¿Por que non suxire como albergue os chiringuitos de praias?
A proposta non sería máis grotesca que pasarse un ano discutindo sobre a Escola de Hostalería e o edificio da Gota de Leite. A efectos prácticos, o resultado é o mesmo: O abandono dos que nada teñen.
{mxc}
En Vigo, xa faleceron na rúa 14 transeúntes no que vai de ano. Pero, a pesar da tregua otoñal, van morrer moitos máis. E o Concello de Vigo é o único dunha gran cidade que non dá cobertura de urxencia aos sen teito.
A responsabilidade é, tamén, da Xunta. Supoño que durmirá ben calentito o noso presidente Feijoo, mentres se fai politiqueo cun tema tan grave. Moi pouca humanidade demostran ter uns e outros.
Porque o curioso do caso é que a Xunta é unha potencia mundial en materia de albergues. Ofréceos gratuítos aos peregrinos nos infinitos camiños de Santiago. E pagámolos todos, cos nosos impostos, para que durma xente que podería custearse un hotel. Con todo, non hai un duro para facer un miserable albergue para os máis desgraciados. Para os que se morren e seguiranse morrendo na rúa.
Só uns heroes como os Misioneiros Pobres de Teis manteñen aquí unha mínima atención aos máis desgraciados. Mentres tanto, con todo, a Diocese de Tui-Vigo segue calada. Non se lle coñece unha protesta ou un comunicado para denunciar que non se presta atención pública aos sen teito. Vese que o señor bispo, como todos os bispos, está moi ocupado fretando autobuses para manifestacións en Madrid. O bochornoso espectáculo sobre albergue para pobres non lle merece nin unha declaración.
Pola miña banda, recoñezo que estou indignado. Dáme repugnancia e vergoña allea asistir a este politiqueo idecente e pensar na cantidade de xente que vai morrer en Vigo nos bancos do Plan E.

Deixa unha resposta