Nota de Prensa aos medios de comunicación
Nota de prensa da Plataforma de afectados pola normativa de circulación no Casco vello
A Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo con C.I.F. G.36.645.885 e enderezo en Rúa Oliva nº 12 do Concello de Vigo
Quere informar dos últimos acordos realizados na asamblea celebrada pola Plataforma de afectados pola normativa de circulación no Casco Vello de Vigo.
Na citada asamblea fixose unha valoración das novas prazas de residentes publicitadas polo Concelleiro Xulio Calviño, até un total de 21 prazas en diversas rúas do Casco Vello, o cal valorase positivamente que se tente incrementar o seu número pero que segue a ser claramente insuficientes.
A conclusión unánime foi que as prazas actuais seguen, nen sequer, a igualar ás prazas existentes antes da nova normativa, e dende logo nin resolve o problema actual de falta de aparcamento nin promove a chegada de novos veciños, a pesar de estar precisamente nun momento de investimentos públicos e privados para facilitar a recuperación do barrio histórico.
Consideramos que o coste de recuperación do parking da Porta do Sol (4 anos) é compensado claramente coa resolución do problema actual e co impulso que isto conlevaría na intención de moitas persoas de mercar ou alugar un piso no casco vello, tanto de iniciativa pública (Consorcio do casco vello) como de inicitiva privada. A isto habería que incluir os ingresos de uso por parte dos residentes no citado parking, xa que non pedimos prazas gratuitas senón prazas para residentes, sobre todo tendo en conta que en poucos meses vai estar aberto ao público o novo parking de Policarpo Sanz que dará servizo a todo o centro da cidade e absorbería as necesidades de usuarios non residentes.
Esta posibilidade que pon como obxectivo a Plataforma é real e beneficiosa para o barrio polo que seguiremos a loitar para que sexa así entendida dende o Concello de Vigo.
Mentres tanto os veciños do Casco Vello seguiremos a mostrar o noso malestar coas pancartas nos balcóns e con novas asembleas ou mobilizacións.
Para maior información sobre as reclamacións e propostas da Asamblea podedes consultar a web
http://sites.google.com/site/plataformacascovello
Atentamente e agradecendo a vosa colaboración recibide un cordial saúdo
Mercedes Rodríguez. Representante da plataforma de afectados
Henrique Macías. Presidente da asociación Veciñal

Deixa unha resposta