Sobre a situación do Departamento de Medio Ambiente do Concello de Vigo
A Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo con C.I.F. G.36.645.885 e enderezo en Rúa Oliva nº 12 do Concello de Vigo quere apoiar as denuncias públicas realizadas pola Asociación Viguesa contra o ruido en relación á falta de dilixencia, ou máis ben nula xestión, na resolución das denuncias realizadas por veciños referentes á contaminación acústica.
Dende esta Asociación temos feito un seguimento sobre este tema que nos leva a denunciar a situación de paralise da Concellería de Medio Ambiente en relación con este tema, coa consecuencia de caducidade de moitos destes trámites administrativos e a inutilidade de moitas denuncias veciñais que teñen que soportar ruidos moi por riba de límite legal sen nengunha consecuencia para os infractores.
Descoñecemos os motivos concretos que levaron á paralise desta concellería con respecto a todas estas denuncias, pero si que temos constancia da falta de persoal técnico propio para seguir estes procedementos, xa dende o inicio do mandato, situación non resolta na actualidade e que nos leva dar por perdidos dous anos de denuncias por parte dos veciños afectados.
Consideramos unha falta de respecto a todas as persoas que están sufrindo esta situación que dende a concellería afectada e máis concretamente dende o seu máximo respondable, Chus Lago, non se teña dado a importancia que este tema merece e se teñan perdidos estes dous anos en excusas que non pode permitirse unha cidade como Vigo e menos un responsable público.
En relación ao mesmo problema denunciamos tamén a falta de actividade da Comisión Municipal Contra o Ruido, dependente da mesma concellaría, que soamente se ten reunido unha vez para facer a presentación pública da nova Normativa de Convivencia Cidadá, materia traballada polo departamento de Seguridade e Tráfico. Comisión que no seu momento tivo un papel moi activo pero que hoxe non ten ningunha función, nin para plantexar solucións aos problemas actuais nin para facer seguimento dos acordos pasados, como por exemplo o que ten acontecido nas zonas declaradas ZAS (Zonas Acústicamente Saturadas) das cales tampouco se están a facer un seguimento do cumprimento da propia normativa ZAS.
Agradecendo a vosa colaboración despidese atentamente
Presidente. Henrique Macías Cambra
Denuncia da Asociación Viguesa contra o Ruido: http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2009/11/03/asociacion-ruido-alerta-medio-ambiente-deja-caducar-denuncias/382867.html

Deixa unha resposta