A Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello apoia e anima a todos os vigueses a acudir a manifestación en defensa dun novo hospital público para Vigo e en contra da intención de coxestión privada por parte da Xunta de Galicia.

Xoves 29 de outubro ás 20:00 dende o cruce de Gran Vía con Urzaiz

manifa.jpg O NOVO HOSPITAL SERÁ MÁIS PEQUEÑO.

Cunhas 380 camas menos das do proxecto aprobado, teremos unha carencia que obrigará aos usuarios da comarca a continuar dependendo do hospital privado, a pesar de ter os mesmos dereitos que o resto dos usuarios de Galicia. O negocio da saúde que se perpetúa agora no século XXI.

NON SERÁ UN HOSPITAL CENTRAL.

Un gran hospital só debe ter un gran servizo de urxencias para ser tal. E o novo plan admite que os usuarios da Sanidade Pública ingresen por outro servizo de urxencias no hospital privado.

MANTEÑEN A ACTUAL DISPERSIÓN.

No lugar dun gran hospital, manteñen pequenos hospitais, algo negativo que o goberno disfraza de positivo chamándoo modelo de “multihospital”.

NON SÓ PEQUENO E INSUFICIENTE ……….. TAMÉN PRIVATIZADO

A pesar de que o goberno saínte orzamentara o hospital e dispuxera que o seu pago o efectuáse a SPI (Sociedade Publica de Investimentos), a Xunta agora alega que non ten diñeiro. Teno para continuar proxectos de dubidoso interese como algún superporto, para a Cidade da Cultura, para o ensino privado, pero ten a impudicia de afirmar que non o ten para o Novo Hospital de Vigo.

 

ASÍ QUE NON HAI DIÑEIRO PARA A SANIDADE………?.

Néganllo á infraestrutura sanitaria máis necesaria de Galicia desde hai moitos anos. Unha escandalosa mostra da discriminación á que se somete á cidadanía que mais impostos achega ao goberno de Galicia. O diñeiro do Novo Hospital de Vigo lévano entregando desde fai anos, día a día vía impostos, os empregados, os profesionais e as empresas da nosa industriosa e emprendedora comarca. Ti, eu e…todos….. Pagámolo xa e esixímolo xa.

A COBIZA DA SANIDADE PRIVADA E A COMPLICIDADE DA XUNTA.

O que realmente sucede é que o recorte de camas que lles asegura o negocio privado, parécelles aínda insuficiente. Desexan que o financiamento e a propiedade privada do novo hospital incrementen aínda máis os beneficios privados, a expensas dos fondos que por impostos achegamos nós, e os que achegarán durante anos os nosos fillos e fillas. Por iso pon á fronte do SERGAS a unha persoa do equipo desa empresa privada: A raposa ao coidado das galiñas.

QUE SIGNIFICA A PFI OU INICIATIVA DE FINANCIAMENTO PRIVADO?.

Pretenden que o hospital o constrúa una asociación de empresas constituída por un banco, unha gran construtora e unha empresa sanitaria da comarca. A estas empresas o SERGAS pagaríalles unha elevada cantidade ao longo dos trinta anos seguintes á súa inauguración. Multiplícase así o custo estimado de 360 millóns de euros por unhas seis ou sete veces, ata un monto total superior aos 2.500 millóns de euros. Durante todo ese tempo o hospital non pertencerá ao SERGAS, que estará como alugado.

MAIS CARO, MAIS TEMPO E ENCIMA……….. NON É NOSO.

Este xeito de dar diñeiro á iniciativa privada empezou no Reino Unido e denomínase PFI ou Iniciativa de Financiamento Privado e foi importado polo goberno de Esperanza Aguirre á Sanidade Pública madrileña. Con tan desastrosos resultados para a atención sanitaria e as arcas públicas, como estupendos para os intereses privados.

E PORQUÉ É PREXUDICIAL A PFI PARA OS USUARIOS E PARA A SANIDADE PÚBLICA?.

Ao longo de polo menos trinta anos ampliables a sesenta, unha gran parte dos fondos sanitarios destinados á atención, serán desviados para pagar aos propietarios privados do hospital uns enormes canons ou intereses. Haberá menos diñeiro para persoal médico, para enfermería, para renovar o equipamento, para a atención aos pacientes en definitiva, … Cada vez que o SERGAS precise mover un tabique, os donos do hospital porán problemas. E cada problema só ten unha solución: máis diñeiro. A experiencia do Reino Unido demostra que a calidade da Sanidade Pública se desmorona. Algo que a sanidade-negocio necesita para estimularnos para acudir a ela.{mxc}


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *