Nin como sede da Policía Local nin como albergue para indixentes. A Xunta tomou a firme decisión de destinar o edificio de "A Gota de Leite" a unha escola infantil de noventa prazas e a unha oficina de apoio a empresarios. Ambas as instalacións estarán en funcionamento a finais do próximo ano. Así o anunciou onte a delegada do Executivo galego, Lucía Molares, quen quixo deixar claro que "a Administración autonómica segue apostando pola construción dun centro de inclusión social", aínda que condicionou a súa colaboración a que o Concello busque unha localización para o demandado centro de urxencia. "foi o goberno local o que inhabilitou a posibilidade de que se fixese en "A Gota de Leite", dixo en alusión ás discrepancias entre PSOE e BNG polo uso do inmoble.


As numerosas reivindicacións de colectivos sociais e do Bloque para que o antigo Fogar San Pelayo se convertese en albergue non deron os seus froitos. Tampouco o fixeron os intentos do alcalde, Abel Caballero, por conseguir unha permuta de "A Gota de Leite" pola antiga escola de hostalería para emprazar na Rolda  Don Bosco á Policía. "Non haberá permuta e o inmoble seguirá tendo un uso social", aclarou Lucía Molares. A delegada recordou que o valor catastral do edificio do Berbés é de 900.000 euros e o de San Pelayo de máis de 3 millóns.

 

Molares, acompañada da secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, e da directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, asegurou que as obras realizadas polo bipartito (cifradas en 240.000 euros) no semisótano da "A Gota de Leite", onde se sitúa un comedor, aproveitaranse na súa totalidade" para a escola infantil. Nesa planta, de 588 metros cadrados, tamén estará a cociña, sala de calefacción, almacéns, cámaras, lavandería, vestiarios, aseos adaptados e salas de dirección e profesores. A entrada ao centro será totalmente independente da da oficina de asesoramento a empresarios, que se emprazará na primeira planta (595 metros).


A gardería contará cunha vintena de traballadores e ocupará dous pisos do inmoble. Na planta baixa, a que necesita dunha maior reforma, habilitarase unha zona de usos múltiples, a recepción e sete aulas. Tres irán destinadas a nenos menores dun ano, dous para pequenos de entre 1 e 2 anos e outras dúas para vigueses de entre 2 e 3 anos. A secretaria xeral de Familia considerou que unha escola infantil no centro da cidade "é totalmente necesaria e este edificio reúne as condicións idóneas, sobre todo porque conta cun área exterior e de esparexemento de máis de 400 m2".
Actualmente o centro de Vigo carece dunha gardería autonómica. "Coa construción desta instalación ampliaremos a oferta de prazas públicas un 21%", sinalou López Abella, xa que actualmente na cidade existen 427 vacantes en garderías da Xunta e 376 cheques infantís, unha cantidade insuficiente para os 10.602 nenos menores de 3 anos censados en Vigo.


Tras unha "exhaustiva análise das necesidades e demandas dos vigueses", o Goberno galego decidiu crear un centro interxeracional en "A Gota de Leite", ao que destinará uns 700.000 euros que xa figuran nas partidas autonómicas de 2010. "Queremos facilitar a conciliación laboral e familiar, e é complicado atopar outro edificio como "A Gota de Leite" no centro de Vigo", afirmou Molares.

O edificio, de 2.908 metros cadrados, combinará o servizo de escola infantil e o de apoio a emprendedores. A directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, avanzou que o centro contará con "tres ou catro empregados fixos" e o persoal restante pertencerá ás oficinas en Vigo do Servizo Galego Público de Emprego. "Isto é algo innovador en Galicia que se porá en marcha tanto nesta cidade como na Coruña para dar cobertura aos empresarios e asesoralos de forma especializada. Nos momentos de crises que vivimos e con datos de paros negativos ningún posto de traballo pode quedar vacante. Ás veces os empresarios non saben como formular a oferta para que o perfil do demandante se axuste ao que el pide", explicou Díaz, quen asegurou que os empregados tamén poderán acudir a esta oficina, concretamente ao área de formación. "Non é algo que naza para o sector empresarial, senón para a intermediación", aclarou a directora xeral ante as preguntas dos xornalistas.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *